martes, 14 de mayo de 2013

Pecetto

Pouco a pouco van quedando atrás as nubes, esas que impiden que a claridade guíe os pasos. Pedalada tras pedalada mengua o osíxeno e aumenta o aire puro. Perdo de vista todo aquelo que representa, en xeral, a falta de valores. Adentrándome paseniño na natureza, intégrome, agudizando os sentidos da vista, do oido e do olfato reprimidos para non sentir todo aquelo que aborrezo. O cansazo faime sentir vivo, faime sentir útil, dame razóns para soportar farsas e enganos da vida artificial. O cumio sempre é o obxetivo evidente, pero non o principal...
Aquel pequeno pobo álzase preto da montaña para observar todo aquilo que acontece no val e aloumiñalo coas súas cerdeiras en flor que nun tempo non moi distante saciarán a miña fame. 
Con todos os meus sentidos activados volvo á realidade polo camiño máis escabroso posible, cheo de enerxía natural e todo comeza a fluír. Os paxaros desvélanse ao meu paso, silencioso e imperceptible, con pes de gato. Serpes e demáis saurios abandoan a súa posición de captación de enerxía por instinto, tras comprobar que fiarse dos humanos sempre é un erro.
As herbas da cuneta comezaron a moverse e a auga volveu a correr libre, o vento apareceu e o tempo parouse. A dous metros de min a preciosa besta saltou para comezar unha carreira cara a tranquilidade, montaña abaixo, ignorando aquelo que o rodea porque non é importante. O xabarín è o rei da montaña, e como tal reclama o seu terreo. Non serei eu quen llo impida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario